Saturday 04 de May de 2024

A Xunta executa obras de mellora en mais de 30 centros educativos da área de Ferrol cun investimento de arredor de dous millóns de euros


O delegado territorial da Xunta visitou as obras que están executando a Xunta e o Concello no CEIP de O Ramo de Fene

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou esta mañá o avance das obras que está executando a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no CEIP O Ramo de Fene para acometer o cambio a impermeabilización da cuberta plana, que se suma aos investimento que está realizando o propio Concello de Fene para duplicar a capacidade do seu comedor.

A esta obra únense ás que se están facendo no CEIP de Centieiras de cambio de ventás do ximnasio e a reforma da cuberta dos talleres no IES de Fene. En total, a Xunta de Galicia investirá arredor de dous millóns para facer obras de mellora en máis de 30 centros educativos da área de Ferrol.

Entre as actuacións máis importantes destacan os 600.000 euros da reforma e ampliación do CEIP Eladia Mariño de Cabanas, os 655.000 euros na rehabilitación enerxética de O Feal en Narón, os 179.000 euros para a substitución das carpinterías exteriores do CEIP Jose María Lage de Ortigueira, os 60000 euros para a instalación dun ascensor no CEIP Andrade de Pontedeume ou os 40.000 para construír unha nova aula no CPI Atios de Valdoviño.

O delegado territorial subliñou que a Xunta “realiza un constante seguimento das necesidades dos centros educativos e programa de obras de reforma e conservación para manter as instalacións nas mellores condicións para o desenvolvemento da actividade lectiva”.

Ovidio Rodeiro destacou que estas actuacións “demostran o inequívoco compromiso da Xunta coa comarca de Ferrol e a decidida aposta do Goberno galego por levar ao sistema educativo público galego ás máis altas cotas de calidade e eficiencia”.